Limiar

Sesé Mateo | No camiño do vento

Cando a dor da nai chega a través do berro desesperado do fillo non se pode virar o rostro. Non sería humano. Aínda que doa e asuste. Aínda que custe.

Por iso hoxe tes este proxecto diante. Porque a cultura galega é sabia nas fins. E as mulleres estamos curtidas en resistencias. Este libro é unha resistencia á morte, asasina, que levou a vida de Sesé.

Este libro é un agarimo para os fillos e amigos, as fillas e amigas, que ficamos sen o seu peito de aperta firme. Este libro é un agasallo para as que non a coñecemos, e que podemos aquí darlle a man a través dos seus versos e reflexións.

Son os versos dunha muller coa vida marcada polo amor e pola filla e os fillos desde moi nova. Que escribía por verdadeira emoción. Por devoción. Desde moi nova tamén. E que non deixou de facelo até o fin da súa vida. Versos nos que aparece o amor. A loita. A xustiza social. O pasado. O futuro. A esperanza. A enfermidade. A recomposición persoal. E volta ao amor. Versos que se mesturan con cancións. Con debuxos. Unha arte total dunha artista da vida.

Os textos de Sesé que a familia e amigas e amigos foron achegando divídense en dous grupos: un grupo de poemas acabados que ela mesma partillou coas amizades e os seus últimos poemas, rematados ou en proceso, manuscritos nunha libreta vermella que sobreviviu ao atentado machista. Os primeiros datan de 1982 até finais dos 90. Os segundos datan de 2006 a 2017. A presente edición tamén inclúe anotacións dela en distintos soportes así como dedicatorias de libros. E, a maiores, recóllese unha análise final sobre o contexto actual da violencia machista a cargo da xornalista Belén Puñal e a presentación da obra poética de Sesé realizada por Miriam Ferradáns.

Sesé Mateo é unha autora bilingüe en galego e castelán. Forma parte da primeira xeración de fillas de galegofalantes educadas en castelán, mais con manifesto aprezo á lingua galega, que defendía e falaba. Durante a adolescencia, de feito, mudou do castelán para o galego como lingua habitual. Mais outra cousa é a escrita que, probablemente froito da súa educación literaria e musical (abundan as referencias a cantautores latinoamericanos), é maioritaria en castelán. Nesta edición todos os poemas respectan a lingua orixinal na que Sesé os escribiu.

Grazas a todas as persoas que axudastes a re-compór estes textos
Grazas a todas as persoas que lles facedes posíbel outra vida.
Grazas.

Sesé Mateo García

(Chapela, 26 de decembro de 1965 - 20 de febreiro de 2017)

Sesé Mateo García | No camiño do vento

Sesé nace o 26 de decembro de 1965, no seo dunha familia traballadora de valores republicanos na parroquia de Chapela, concello de Redondela. Dende nova amosa a necesidade de tomar partido e comprometerse na loita pola xustiza social. Interrompe os seus estudos de Bacharelato no ano 83, casa e viaxa a Venezuela. Neste país colabora na agrupación sociocultural "Rabo de nube", vencellada ao movemento muralista suramericano, inspirado durante estes anos polo pintor surrealista chileno Roberto Matta. A agrupación na que colabora Sesé coordínase con estudantes da Frente Patriótica Manuel Rodríguez e coa Brigada Ramona Parra, moi activas na denuncia da represión en Chile.

Durante estes anos en Venezuela ten dous fillos, Lucía e Joshua, e abre varios negocios ligados á contra-cultura: un deles unha tenda de música. A través da correspondencia mantida coa súa amiga Cármen Arias, Sesé relata a desesperación da xente nunha Venezuela en absoluto declive pola corrupción das oligarquías, a brutal inflación, o desabastecimento e o abismo entre clases. No ano 1993 volta a Chapela coas crianzas, xa separada e para ficar. Intégrase na Coordinadora Feminista Donicela, onde participa en varios proxectos como o Encontro Internacional de Córdoba e o de Vigo. Sempre activa, traballa tamén na recén creada Marcha Mundial das Mulleres.

Posicionada como muller feminista, loita polo dereito ao divorcio, polo dereito ao aborto, por ocupar os espazos públicos e polo dereito a vivir sen violencia. Estes foron os grandes retos daqueles primeiros anos. En Vigo entra en contacto co movemento polo dereito a teito, pasando a formar parte do Centro Social Ocupado e Autoxestionado da Ruela de Núñez, onde realiza un vídeo documental que recolle a actividade deste colectivo.

A finais dos 90 involúcrase en diferentes intervencións arqueolóxicas (xacemento romano da rúa Marqués de Valadares de Vigo ou Necrópole Megalítica da Mámoa do Rei de Redondela, entre outras), converténdose nunha participante moi activa. A raíz da súa experiencia no sector, colabora con entidades para a recuperación da memoria histórica e participa no levantamento da foxa común do seu avó materno, Perfecto Méndez Pastoriza, republicano fusilado canda outros en Xinzo, Ponteareas.

En novembro de 2002, logo dunha incompetente xestión da dereita política, prodúcese o naufraxio do Prestige e 77.000 toneladas de fuel son espalladas ao longo da costa galega. Nace o movemento “Nunca Máis” do que Sesé fai parte, na indignación na rúa, no voluntariado e no activismo artístico, coa creación dunha escultura xigante en forma de gaivota contaminada que voará até a grande manifestación galega en Madrid.

No 2003 os EEUU bombardean Iraq, nunha guerra na que España participa. A intervención militar produce 500.000 mortes, na súa maioría poboación civil. En Vigo, da man da Cova dos ratos (Asociación Cultural Caleidoskopio), instálase o Acampamento Civil contra a Guerra Imperialista, con infinidade de actividades culturais e de denuncia na rúa onde contamos de novo co seu impulso.

Nesta época, afiliada e militante do sindicato CGT, participa en case todas as manifestacións tanto laborais como sociais. No ano 2004 a CGT Vigo trae a Dolores Villabobos Cuamatzi, activista do Consejo Indígena Popular de Oaxaca “Ricardo Flores Magón”, que participou na Feira Internacional Feminista, que organiza en Vigo a Marcha Mundial das Mulleres, os días 22 e 23 de maio.

A raíz desta visita e coa sensibilidade e cercanía de Sesé cara a problemática indíxena, que sufrían unha dura represión en México, é socia fundadora do GAIM (Grupo de Apoio @s Indíxenas Magonistas). Con este grupo sempre saiu á rúa os 12 de outubro para reivindicar a loita indíxena en fronte ao concepto de hispanidade. Tamén a Festa da Arribada, en Baiona, coñeceu as súas proclamas. O movemento indíxena de Oaxaca, de inspiración anarquista, era descoñecido aquí e Sesé organiza palestras en escolas e institutos como o IES Chapela para visibilizalo.

No 2006 comeza a traballar en Pescanova, onde é elixida delegada sindical pola Confederación Intersindical Galega. Nesta etapa loita xunto coas compañeiras e compañeiros por un convenio xusto e condicións dignas, destacando pola súa grande capacidade de pensar sempre no colectivo.

No ano 2007 nace o pequeno Igor, o terceiro fillo de Sesé, e redescubre o pracer de ser nai e, de novo, poder educar no amor á xustiza e na loita para defendela.

Mentres continúa a traballar en Pescanova sofre diversos problemas de costas que vai superando despois de varias operacións. E sobrevenlle un cancro de mama que fai que a súa saúde empeore notabelmente debido aos tratamentos mais que, finalmente, tamén consegue superar.

Despois de Sesé ter posto punto final á súa última relación de parella e cando parecía xa terse liberado de todo mal, el asasinouna nun acto de terrorismo machista. Foi o día 20 de febreiro de 2017. Tiña 52 anos.

Para todas as que a coñecemos ela sempre foi unha muller intelixente, incribelmente forte á vez que sensíbel, cun humor negro que podía quitarche un sorriso no teu peor día: unha persoa vitalista e namorada da vida, apaixonada e sempre coa necesidade de mellorar aprendendo.

Lectora e escritora, comprometida, divertida e lúcida. Inasequíbel ao desalento e sempre radical na procura da verdade.

A pesar do intento de acabar con ela, aquí a tes, neste libro.

Queres axudar?

Sesé Mateo foi a decimoterceira muller asasinada por violencia machista en 2017.

Mais para nós non é un número, nin unha vítima: é a nosa nai, a nosa amiga, a nosa compañeira de traballo e de loitas e, aínda que a violencia machista nos privou do seu abrazo, resistímonos a perdela. Por iso estamos traballando nunha edición dos seus textos e poemas: elaborados ao longo dunha vida de amor e solidaridade.

Se nos queredes axudar, animámosvos a colaborar facendo unha doazón para adquirir o libro: 10€ o exemplar.

A recadación axudará a nenos e nenas orfos pola violencia machista a través do Fondo de Becas Soledad Cazorla Prieto, da Fundación Mujeres. A finais de febreiro teremos o libro de Sesé Mateo nas nosas mans e comezaremos a facer as presentacións. Unha merecida homenaxe para unha muller sensible e loitadora. Unha oportunidade social e colaborativa de mellorarmos, entre todos, un pouquiño, o mundo que habitamos.

Este proxecto é unha autoedición dos fillos e fillas de Sesé Mateo e dos seus familiares e amigos e amigas. Así que vos agradeceriamos que os encargos de libros tentedes facelos, na medida do posible, en grupo.

A seguir deixamos o número de conta da Fundación Mujeres e a información necesaria para facer a doazón.

Concepto: Donación libro Sesé + Nome completo

Beneficiario: Fundación Mujeres

Nº Conta: ES89 0049 6598 1327 1008 4240

Aviso de transferencia: sese@sesemateo.es

Esta chamada á participación remata o 31 de marzo de 2019. Unha vez feita a doazón, os libros poderán recollerse nalgunha das presentacións que iremos facendo por Galicia e Madrid a partir do 7 de marzo 2019.


Presentación Chapela

Lugar: Multiusos Piñeiral do Crego
Camino do Piñeiral, Nº 22 | 36320 - Chapela
Data: Xoves, 7 de marzo de 2019
Horario: 20:00-21:00

Presentación Santiago de Compostela

Lugar: Libraría Lila de Lilith
Rúa Travesa, Nº 7 | 15704 - Santiago de Compostela
Data: Venres, 15 de marzo de 2019
Horario: 20:00-21:00

Presentación Pontevedra, Bueu, A Coruña, Ourense, Lugo e Madrid

Lugar e datas pendentes

Medios comunicación

Notas de prensa

Entrevistas



Grupo de Apoio

Presentamos unha reportaxe sobre o grupo de apoio á familia de Maria José Mateo, Sesé, asasinada o 20 de febreiro deste ano pola súa ex-parella. Amigas, compañeiros de loitas e de vida, xuntáronse desde que acontecera este terríbel crime machista, con tres obxectivos: reconstruír a casa para que poda de novo ser un fogar para seus fillos, denunciar a violencia machista e manter viva a memoria de Sesé, afrontando colectivamente a súa irreparábel perda. Comezaron coas asembleas, voluntariado para as obras da casa, xestións coas administracións, e coa convocatoria dun grande concerto en Chapela.

Falamos con dez persoas do grupo de apoio, unha experiencia colectiva para loitar contra o silencio e o esquecemento. Dez berros de denuncia contra a violencia machista e o asasinato dunha muller comprometida que viviu amando.
Dez voces pola lembranza e a homenaxe, pola igualdade, para vivirmos en liberdade e sen violencia, dez olladas da vida arrebatada a Sesé Mateo.

Reportaxe de Galiza Contrainfo



Concerto por Sesé

Cartel Concerto Por Sesé | Grupo de Apoio a Familia Mateo

Grazas a Dakidarría, Zamaramandi, Wöyza, Siniestro Total e ao traballo de moitas persoas e das voluntarias, puidemos desfrutar desta fermosa noite de dignidade, amor e loita feminista, en recordo da veciña de Chapela, Sesé, vítima dun asasinato machista. O momento máis emocionante da xornada viviuse cando interveu Joshua, fillo de Sesé. A recadación do concerto vai destinada a reconstrución da casa familiar, estragada o día do asasinato, pola explosión de gas.

Reportaxe de Galiza Contrainfo