Sesé Mateo: a palabra que resiste a morte
«Invito a vivir. Vivamos”. É o título que encabeza un dos primeiros poemas de No camiño do vento, o libro que recolle os poemas de Sesé Mateo. A súa autora non chegou a velos publicados. Foron os seus fillos e amizades quen decidiron que visen a luz. Coma un xeito de rebeldía. Unha maneira de proxectar cara ao futuro o pensamento dunha muller á que o seu ex-compañeiro tentou calar para sempre. Sesé Mateo (Chapela, Redondela, 1965) foi asasinada en febreiro do 2017 por Emilio Fernández Castro, un home que se creu co dereito a impedir que ela seguise coa súa vida sen el. Ao que non lle importou nin acabar con ela, nin coa súa propia vida, nin deixar orfos os fillos dela -un deles, tamén del-. Mais acontece que a palabra si resiste a morte. Que a mensaxe de amor e de solidariedade que ela convocaba nos seus poemas si vai ficar.