Sesé Mateo García
Activista social, feminista e poeta galega.María José Mateo García
(Chapela, Redondela · 26 de decembro de 1965 – 20 de febreiro de 2017)
Un exemplo de compromiso e vida que inspira o Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista.
Sesé naceu o 26 de decembro de 1965 nunha familia traballadora de valores republicanos, na parroquia de Chapela, no concello de Redondela. Desde moi nova sentiu a necesidade de tomar partido e comprometerse na loita pola xustiza social. No ano 1983 interrompe os estudos de bacharelato, casa e viaxa a Venezuela.
Neste país colabora no grupo sociocultural Rabo de nube, vinculado ao movemento muralista sudamericano e inspirado polo pintor surrealista chileno Roberto Matta. O colectivo no que participa Sesé mantén relación con estudantes do Frente Patriótico Manuel Rodríguez e coa Brigada Ramona Parra, moi activa na denuncia da represión en Chile.
Durante a súa etapa en Venezuela nacen os seus dous primeiros fillos, Lucía e Joshua, e abre varios negocios ligados á contracultura, entre eles unha tenda de música. A través da correspondencia coa súa amiga Cármen Arias, Sesé relata a desesperación da poboación fronte á corrupción das oligarquías, a inflación descontrolada e a fonda fenda entre clases sociais.
En 1993 regresa a Chapela cos seus fillos, xa separada, para establecerse definitivamente. Forma parte da Coordinadora Feminista de Donicela, participando en proxectos como os Encontros Internacionais de Córdoba e Vigo, e colabora activamente na recentemente creada Marcha Mundial das Mulleres.
Desde unha posición claramente feminista, loita polo dereito ao divorcio, polo dereito ao aborto, pola ocupación dos espazos públicos e polo dereito das mulleres a vivir sen violencia, retos centrais daqueles primeiros anos. En Vigo entra en contacto co movemento polo dereito á vivenda e pasa a formar parte do Centro Social Ocupado e Autoxestionado da rúa de Núñez, onde realiza un vídeo documental sobre a actividade do colectivo.
A finais dos anos noventa participa en diversas intervencións arqueolóxicas, como o xacemento romano da rúa Marqués de Valadares (Vigo) ou a Necrópole Megalítica da Mámoa do Rei (Redondela), converténdose nunha colaboradora moi activa. A partir desta experiencia, colabora con entidades de recuperación da memoria histórica e participa na exhumación da fosa común onde se atopaba o seu avó materno, Perfecto Méndez Pastoriza, republicano fusilado xunto con outras persoas inocentes en Xinzo (Ponteareas).
En novembro de 2002, tras a nefasta xestión do afundimento do Prestige, máis de 77.000 toneladas de fuel contaminan a costa galega. Xorde entón o movemento Nunca Máis, do que Sesé forma parte activamente desde a rúa, o voluntariado e o activismo artístico, participando na creación dunha gran escultura en forma de gaivota contaminada que viaxa ao gran acto galego celebrado en Madrid.
En 2003, coa guerra de Irak e a participación do Estado español no conflito, Vigo acolle o Camping Civil contra a Guerra Imperialista, impulsado pola Cova dos Ratos (Asociación Cultural Caleidoskopio). O espazo convértese nun foco de actividades culturais e de denuncia, contando novamente coa implicación directa de Sesé.
Afiliada e militante do sindicato CGT, participa de maneira constante en mobilizacións laborais e sociais. En 2004, a CGT de Vigo convida a Dolores Villalobos Cuamatzi, activista do Consello Popular Indíxena de Oaxaca Ricardo Flores Magón, á Feira Internacional Feminista organizada pola Marcha Mundial das Mulleres en Vigo.
Tras esta experiencia e pola súa sensibilidade cara ás loitas indíxenas, especialmente en México, Sesé convértese en socia fundadora do GAIM (Grupo de Apoio a Indíxenas Magonistas). Co grupo participa en accións reivindicativas cada 12 de outubro e organiza charlas e encontros en centros educativos, como o IES de Chapela, para visibilizar o movemento indíxena de Oaxaca, ata entón practicamente descoñecido aquí.
En 2006 comeza a traballar en Pescanova, onde é elixida delegada sindical pola Confederación Intersindical Galega (CIG). Nesta etapa destaca pola súa capacidade de traballo colectivo e pola defensa de condicións laborais xustas e dignas.
En 2007 nace o seu terceiro fillo, Igor, redescubrindo o pracer da maternidade e reafirmando o seu compromiso coa educación en valores de xustiza e solidariedade. Ao tempo, afronta importantes problemas de saúde: intervencións cirúrxicas de costas e un cancro de mama, do que logra recuperarse tras duros tratamentos.
Despois de poñer fin á súa última relación e cando parecía iniciar unha nova etapa vital, Sesé foi asasinada o 20 de febreiro de 2017 nun acto de terrorismo machista. Tiña 52 anos.
Para todas as persoas que a coñeceron, Sesé foi unha muller intelixente, inmensamente forte e á vez sensible, cun humor negro capaz de facer sorrir nos peores momentos. Vitalista, curiosa e profundamente enamorada da vida, sempre mantivo unha necesidade constante de aprender e mellorar.
Lectora e escritora, comprometida, divertida e lúcida.
Inamovible fronte ao desalento e radical na procura da verdade.
Sesé Mateo no Álbum de Galicia
Sesé Mateo xa forma parte do Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega, a colección de biografías que recolle a traxectoria e o legado de personalidades destacadas da historia e da cultura galega.
A súa incorporación ao Álbum de Galicia é froito dun traballo de investigación realizado por Sonia Díaz Pereiro, que reconstrúe a súa vida, o seu compromiso social e feminista, e a pegada que deixou na loita pola xustiza social e contra as violencias machistas.
Este recoñecemento supón un paso máis na preservación da memoria de Sesé Mateo e no recoñecemento público dunha figura imprescindible para comprender o activismo social e feminista contemporáneo en Galicia.
ÚLTIMAS NOVAS
El reportaje «Todas as veces que foron un non» gana el Premio Sesé Mateo
NOTAS DE PRENSA y ENTREVISTASNOTAS DE PRENSA y ENTREVISTAS Ultimas noticias
Redondela entrega el Premio Sesé Mateo denunciando la «normalización de la cultura de la violación»
NOTAS DE PRENSA y ENTREVISTASNOTAS DE PRENSA y ENTREVISTAS Ultimas noticias
«Todas as veces que foron un non» se lleva el V Premio Sesé Mateo de Periodismo Ético
NOTAS DE PRENSA y ENTREVISTASNOTAS DE PRENSA y ENTREVISTAS Ultimas noticias
Cláudia Morán, Marta Otero e Marta Veiga, premio Sesé Mateo de xornalismo ético por unha reportaxe en Luzes sobre violencia machista
NOTAS DE PRENSA y ENTREVISTASNOTAS DE PRENSA y ENTREVISTAS Ultimas noticias
Redondela recuerda a Sesé Mateo con el periodismo ético
NOTAS DE PRENSA y ENTREVISTASNOTAS DE PRENSA y ENTREVISTAS Ultimas noticias
Laura de Grado y Macarena Baena, de Efeminista, ganan el Sesé Mateo de Periodismo Ético
NOTAS DE PRENSA y ENTREVISTASNOTAS DE PRENSA y ENTREVISTAS Ultimas noticias
Redes sociais
ContactO
sese@sesemateo.es





